Super User

A Xunta ofrece actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través de xornadas virtuais coas Antenas do Igape.

O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus produtos, neste caso, a China.

Antena en China, o día 9 de outubro, informará sobre as últimas novidades sobre este país, a evolución deste mercado nos últimos meses e falarase especialmente do acceso a feiras e sectores estratéxicos.

Se tes interese neste mercado, tamén existe a posibilidade de programar unha reunión individual cos responsables da Antena do Igape en China, durante os días 13 e 14 de outubro.

 

Solicite a reunión ao realizar a súa inscrición.

🗓️ Día: 9 de outubro de 2025

⏰ Hora: 09:30-11:10 (ES) | 15:30-17:10 (CH)

💻 En liña

✍️ Inscricións

➡️ Descarga o programa

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou as instalacións do centro vigués, onde puxo en valor o seu traballo na creación de spin-offs e na posta en marcha do primeiro fondo de investimento deep tech impulsado por un centro tecnolóxico en Europa
  • Destaca que a capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores “é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”

Vigo, 2 de outubro de 2025

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións de Gradiant en Vigo, centro tecnolóxico galego especializado en solucións de telecomunicacións e tecnoloxías dixitais aplicadas á industria, con máis de 400 clientes e un forte crecemento en facturación e emprego nos últimos anos.

Durante a visita, Toca Carús puxo en valor a traxectoria de Gradiant como referente europeo en innovación dixital, destacando a súa aposta pola intelixencia artificial, a ciberseguridade, a análise de datos e as comunicacións avanzadas. Neste ámbito, lembrou que o Igape conta con novas liñas de apoio para proxectos baseados en IA, dirixidas a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego.

A directora subliñou tamén a relevancia do emprendemento tecnolóxico que se xera arredor de Gradiant, que xa deu lugar a varias spin-offs de éxito internacional e que vén de lanzar TRL13, o primeiro fondo de investimento deep tech en Europa impulsado por un centro tecnolóxico español.

“A capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”, sinalou.

Covadonga Toca concluíu destacando que “Galicia ten que seguir avanzando cara a unha economía innovadora, dixital e competitiva, e centros como Gradiant son aliados imprescindibles para facelo posible, combinando ciencia, tecnoloxía e emprendemento co apoio da Xunta”.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración do encontro “Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural” onde reivindica esta aposta como fórmula para xerar emprego, fixar poboación e proxectar Galicia ao mundo
  • Pon en valor o papel da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, mantivo 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.
  • Subliña que programas como Conecta Lugo e Conecta Ourense achegan a pemes e autónomos información, asesoramento e acceso a axudas e sinala que a BFAero permitiu “situar a Lugo e Galicia na vangarda europea no eido dos drons e da mobilidade aérea avanzada”
  • Lembra que o programa Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada de hoxe, leva case unha década de percorrido, con máis de 100 actividades e 20.000 participantes

Monforte de Lemos (Lugo), 1 de outubro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Monforte na inauguración do encontro Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural, onde defendeu o papel estratéxico do emprendemento rural como motor de innovación, cohesión territorial e proxección exterior. Neste sentido, sinalou que o rural galego “é talento, creatividade e futuro” e que, grazas á innovación, está a transformar as comarcas galegas en espazos capaces de xerar emprego, fixar poboación e abrir Galicia ao mundo.

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou iniciativas como a queixería Airas Moniz, en Chantada, ou a proposta A Túa Xanela, que exemplifican a “innovación con raíces” e evidencian que “o rural galego é, hoxe en día, un verdadeiro laboratorio de innovación, capaz de achegar solucións a grandes retos globais como a sustentabilidade, a transición ecolóxica ou a dixitalización”.

Toca Carús salientou que o labor do Igape vai máis alá de políticas ou programas, xa que supón unha nova maneira de entender a súa misión: estar preto do tecido empresarial, anticiparse ás súas necesidades, reducir barreiras e ofrecer respostas áxiles. Nese sentido, destacou a actividade da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, mantivo 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.

Tamén puxo en valor iniciativas como Conecta Lugo e Conecta Ourense, que achegan información, asesoramento e acceso a axudas en innovación, dixitalización, internacionalización ou sustentabilidade. Lembrou que toda a actividade do Igape apunta a un mesmo obxectivo: lograr que o investimento e a innovación cheguen a cada recuncho de Galicia, xerando emprego de calidade e fortalecendo a cohesión territorial. Exemplificou este compromiso coa BFAero, que situou a Lugo e Galicia na vangarda europea dos drons e da mobilidade aérea avanzada, así como coas Business Factories sectoriais, que conectan talento, industria e futuro.

Por último, destacou a importancia da capacitación empresarial a través do programa Capacita Directivos, que leva case unha década de percorrido con máis de 100 actividades e 20.000 participantes. Subliñou que o seu propósito é dotar ás persoas directivas de visión estratéxica e capacidade de liderado nunha contorna de cambios constantes, impulsados por pancas como a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade, a automatización de procesos ou os xemelgos dixitais.

  • A BF Sport comeza o vindeiro luns, e ata o 19 de decembro, a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria
  • O obxectivo é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a rede de aceleradoras da Xunta de Galicia, á que se vén de sumar a nova BF Sport, deu apoio xa a máis de 830 proxectos innovadores e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados.

Lorenzana interveu hoxe na presentación oficial da Business Factory Sport (BFSport), a nova aceleradora galega para o sector do deporte e o benestar, que comeza o vindeiro luns, e ata o 19 de decembro, a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria.

A conselleira explicou que a BF Sport, ao igual que en toda a rede de aceleradoras da Xunta, non só busca madurar e acompañar ás startups participantes, senón facilitarlles que poidan traballar coas empresas tractoras e outras entidades colaboradoras nun entorno real, de modo que se converten nos primeiros clientes, en validadores e aceleradores do seu proxecto de negocio.

O seu obxectivo, dixo, é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico.

Nas tres convocatorias que vai ter esta aceleradora, salientou, a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinará máis de 450.000 euros en axudas directas a proxectos en fase de aceleración, ademais de financiar o 80 por cento dos custos operativos do programa. Pola súa banda, Xesgalicia mobilizará ata 4,4 millóns de euros en financiamento para as fases de aceleración e consolidación.

Segundo apuntou, “falar de deporte é falar de saúde, pero tamén de xeración de riqueza e emprego; de economía”, concluíu.

  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración subliñou a relevancia do encontro como espazo de colaboración público-privada para fomentar novas oportunidades de internacionalización e cooperación en mercados estratéxicos
  • Valorou tamén o papel das Cámaras de Comercio, ás que cualificou de pezas fundamentais no apoio e dinamización das empresas, tanto pola súa labor de asesoramento como pola súa contribución á internacionalización do tecido produtivo
  • Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria puxo a Comunidade galega como exemplo de estabilidade financeira, seguridade xurídica e acompañamento institucional a través de ferramentas como a Oficina Económica de Galicia
  • Destacou a Galicia como socio estratéxico para China en Europa polo emprazamento, unha economía que combina unha industria forte, tradición innovadora e persoal cualificado e pola previsibilidade

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025

Os conselleiros de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañados polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta mañá no foro empresarial Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas, organizado por SW Spain coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.

José González subliñou a relevancia deste encontro —no que tamén estivo presente o embaixador da República Popular China en España, Yao Jing— como un espazo de colaboración público-privada para fomentar novas oportunidades no ámbito da internacionalización e da cooperación en mercados estratéxicos. Un foro, dixo, que funciona en dobre sentido: apoiando ás compañías galegas no seu proceso de implantación en China e, á vez, favorecendo a chegada de investimento do país asiático a Galicia.

O titular de Emprego, Comercio e Emigración destacou que Galicia actúa como unha administración facilitadora para o seu tecido empresarial, comprometida coa simplificación de trámites, acompañando ás empresas nos retos que afrontan tanto no mercado laboral —como a cobertura de vacantes, a flexibilización da formación para o emprego ou a captación de talento— como no impulso da súa competitividade e no acceso a mercados internacionais, como o caso do chinés. Valorou tamén o papel das Cámaras de Comercio, ás que cualificou de pezas fundamentais no apoio e dinamización das empresas, tanto pola súa labor de asesoramento como pola súa contribución á internacionalización do tecido produtivo.

Galicia, unha rexión de equilibrio e solidez financeira

Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria destacou a Galicia como socio estratéxico para China en Europa pola ubicación atlántica que conecta directamente cos grandes portos europeos e con América Latina; por contar cunha economía que combina  unha industria forte, tradición innovadora e un capital humano altamente cualificado e “pola nosa previsibilidade, algo moi valorado polos investidores internacionais”, asegurou.

Neste senso, María Jesús Lorenzana puxo en valor o equilibrio e estabilidade financeira que ofrece a Comunidade galega grazas a un tecido empresarial resiliente do que forman parte máis de 190 empresas que teñen unha presencia constante no mercado chinés; a institucións comprometidas como o Igape, e á posta en marcha de ferramentas como a Oficina Económica de Galicia  para a simplificación de trámites e a centralización de servizos tanto para o empresariado galego como para os investidores estranxeiros ao ofrecerlles unha contorna áxil e eficaz. E, ao fío, apuntou que a porcentaxe de empresas exportadoras regulares creceu ata o 43 % do total o que da boa mostra da relación de confianza entre Galicia e China.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo no panel sobre Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial no marco do evento Galia Tech, onde salienta que a IA permitirá ás empresas galegas ser máis eficientes e diferenciarse nos mercados internacionais
  • Lembra que o Goberno galego está a promover programas de axudas como IA360, potenciando as Business Factories ou impulsando os hubs DIHGIGAL e DATAlife para achegar a tecnoloxía a pemes e autónomos
  • Destaca a aposta da Xunta pola formación e a retención de talento, na procura de que a transición cara á intelixencia artificial se traduza en emprego cualificado e estable

 

Vigo, 24 de setembro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no panel “Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial”, no marco do evento Galia Tech celebrado no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. No seu relatorio, subliñou que a intelixencia artificial “supón para Galicia unha panca de transformación” e que se trata dun factor estrutural de competitividade que marcará “a diferenza entre liderar ou quedar atrás”.

Toca explicou que no curto prazo a intelixencia artificial permitirá ás empresas galegas reducir custos, optimizar procesos produtivos e mellorar a súa capacidade de anticipación, mentres que no medio prazo abrirá novas oportunidades de internacionalización e diferenciación con produtos e servizos de maior valor engadido. Citou, entre outros, sectores como a industria, o agroalimentario, o naval, a automoción, a enerxía ou a saúde, nos que a intelixencia artificial xa está a ofrecer solucións concretas.

A responsable do Igape recoñeceu tamén que a adopción desta tecnoloxía segue a ser baixa, especialmente nas micropemes e nos autónomos, pero recalcou que “a responsabilidade da Xunta é derrubar barreiras e garantir que ninguén quede atrás”.

Neste sentido, destacou a importancia de apoiar as startups e o emprendemento innovador, que actúan como motor de transferencia tecnolóxica e dinamizadores do tecido produtivo. Toca lembrou que a Xunta de Galicia está a promover instrumentos clave como o programa de axudas para empresas IA360, as Business Factories sectoriais ou os hubs europeos DIHGIGAL e DATAlife, que achegan a tecnoloxía a pemes e autónomos, impulsan a creación de novas empresas e facilitan a súa conexión con investidores e mercados internacionais.

Finalmente, referiuse ao impacto da intelixencia artifical no mercado laboral, defendendo unha visión optimista baseada na formación, na atracción de talento e na creación de emprego cualificado. Segundo concluíu, a prioridade da Xunta é que a transición cara á intelixencia artificial “sexan unha historia de éxito compartido”, na que Galicia se consolide como referente europeo en innovación, sustentabilidade e talento.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Tokio coa Japan External Trade Organization (Jetro), o organismo oficial de Xapón para promover o comercio exterior
  • Lorenzana expón as vantaxes que ofrece Galicia a nivel de axilidade administrativa, acceso a solo industrial e política de abaratamento da enerxía “para que os investidores xaponeses atopen un mercado confiable e un Goberno estable que apoia as empresas”, di
  • “Constatamos que existe un marco de traballo común en torno ao obxectivo de fomentar o investimento estranxeiro directo, que para nós, para Galicia, é clave”, afirma
  • Apunta que Xapón, a cuarta economía mundial, pasou de ser o 31º destino das exportacións galegas en 2019 a ser o 29º no 2024 con 122 M€

 

Tokio (Xapón), 19 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe, por primeira vez fóra de España, a Oficina Económica de Galicia nun encontro que mantivo con membros da Japan External Trade Organization (Jetro), un organismo gubernamental que traballa para promover o comercio e o investimento mutuo entre Xapón e o resto de países.

Lorenzana explicou que a Xunta decidiu que a presentación internacional desta oficina se realizase en Asia porque este mercado “ten un valor estratéxico clave” para as empresas galegas. Así, precisou que as exportacións totais de Galicia ao continente asiático en 2024 acadaron os 1.075 M€ e, no primeiro semestre deste ano, xa rexistran un incremento do 5,3 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior. No caso concreto de Xapón, apuntou que en 2024 foron 122 M€ o valor do exportado desde Galicia a ese país que, nos primeiros seis meses de 2025, xa creceu un 30 % en relación ao pasado ano.

Neste contexto, indicou que a xuntanza coa Jetro serviu para expoñer as oportunidades que agora mesmo existen de investir en Galicia e todas as vantaxes que ofrece a Oficina Económica como “porta de entrada única” para todos os investidores que queiran establecerse na comunidade. Así, destacou a axilidade administrativa, o financiamento, o acceso a solo industrial, a política de abaratamento da enerxía e o binomio industria-enerxía, “para que os investidores xaponeses atopen en Galicia un mercado confiable e un Goberno estable que apoia as empresas”, subliñou.

“Constatamos que existe un marco de traballo común en torno ao obxectivo de fomentar o investimento estranxeiro directo, que para nós, para Galicia, é clave”, afirmou. Polo tanto, proseguiu, o obxectivo é “seguir establecendo contactos e fortalecendo as relacións institucionais e empresariais cun país e con todo o continente asiático que, estamos convencidos, pode ofrecer moitas posibilidades de crecemento e expansión para a economía galega”, dixo. 

Lorenzana apuntou que Xapón, a cuarta economía mundial, pasou de ser o 31º destino das exportacións galegas en 2019 a ser o 29º no 2024 con 122 M€ e un total de 155 empresas exportadoras das que case a metade, o 44,5 %, xa opera no país de forma regular. Segundo indicou, Xapón é un destino moi prometedor para a economía e as empresas galegas, especialmente, en sectores como a automoción -a súa tecnoloxía e compoñentes-, o alimentario ou a industria química, os que rexistran un maior índice de exportacións ao país nipón.

Do mesmo xeito, puxo en valor que xa son varias as empresas xaponesas instaladas en Galicia, de sectores diversos, entre as que destacan: Resonac (A Coruña), que vai producir grafito para baterías de coches eléctricos; Denso Sistemas Térmicos (Vigo), de compoñentes de automoción; NTT Data (A Coruña), especializada en tecnoloxías dixitais; Fujitsu, vinculada ao Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago (Cesga); as pesqueiras Europacífico Alimentos del Mar (Vigo), de Nissui Corporation, e Wadayku Europe (O Porriño); Univergy Solar, que conta coa aprobación para crear unha estación pública de hidróxeno verde no porto de Vigo; Sojitz Corporation, que participa no proxecto de hidróxeno verde H2Pole en colaboración con Reganosa na Coruña; ou Toyota, a través dos modelos Proace da marca xaponesa que fabrica Stellantis Vigo.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu esta tarde a unha recepción institucional na Embaixada de España en Xapón
  • Na recepción participaron tamén empresas galegas establecidas no país, como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia
  • Destaca que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, que pasou do 38 % en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69)

 

Tokio (Xapón), 18 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por seguir fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e Xapón; un destino, dixo, ao que cada vez exporta de forma regular unha porcentaxe maior de empresa galegas.

Lorenzana asistiu hoxe a unha recepción institucional na Embaixada de España en Xapón na que participaron, tamén, empresas galegas establecidas no país como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia. A todas elas, a conselleira trasladoulles todo o apoio do Goberno galego para seguir estreitando as relacións económicas entre Galicia e Xapón e atopar novas oportunidades de negocio e expansión nese mercado.

A conselleira destacou que de xaneiro a xuño de 2025 foron 155 as empresas galegas que exportaron ao país nipón, cun 44,5 %, case a metade, que o fai xa de forma regular. Isto significa que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, que pasou do 38 % en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69).

Por sectores, o principal sector exportador é o da automoción, que en 2024 mobilizou 59,9 M€ e, ata xuño deste ano, 36,6 M €. É un sector que, entre 2019-2023 rexistrou un aumento do 613 %, o que o converte nun dos que acadou un maior crecemento. Síguelle o da alimentación, con 33,5 M€ en 2024 e 15,6 M€ nos seis primeiros meses deste ano. E, en terceira posición, está o sector das industrias químicas que, precisamente, rexistrou un pico exportador en 2024 (5,8 M€), un 68,1 % superior a 2023.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país e a Antena do Igape
  • “Todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, apunta

 

Tokio (Xapón), 20 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu hoxe a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país, onde ratificou o obxectivo da Xunta de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial.

Nunha xuntanza co Conselleiro Económico e Comercial Xefe, Gonzalo Ramos, Lorenzana abordou a política económica e industrial que está a desenvolver Galicia, baseada, fundamentalmente, na desburocratización para atraer investimentos en áreas clave como as enerxías renovables.

Ao respecto puxo en valor a función da Oficina Económica de Galicia como un órgano interlocutor do Goberno galego coas empresas, tamén do eido internacional, encargado de seguir de cerca as necesidades do tecido empresarial e de prestar un servizo de asesoramento personalizado e integral.

Nese sentido, apuntou que “todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, unha das premisas que quixo poñer de manifesto en cada unha das xuntanzas que mantivo durante a súa estadía en Xapón.

Finalmente, Lorenzana non quixo marchar de Xapón sen coñecer a Antena do Igape no país nipón, onde aproveitou para felicitar ao persoal polo bo traballo que están a realizar apoiando as iniciativas de internacionalización das empresas galegas.

  • Galicia estará presente neste evento durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España
  • A conselleira terá ocasión de reunirse con empresas de interese para Galicia como son Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, viaxará esta semana a Xapón, onde asistirá á celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025 e manterá, tamén, unha axenda con diversos encontros empresariais.

A Exposición Universal de Osaka 2025, que se celebra entre o 13 de abril e o 13 de outubro, está organizada pola Bureau International des Expositions (BIE) baixo o lema “Deseñar a sociedade do futuro e imaxinar a nosa vida de mañá”. Galicia estará presente durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España.

No plano económico, xa en Tokio, María Jesús Lorenzana terá ocasión de participar nun encontro organizado pola Embaixada de España en Xapón con empresas galegas establecidas no país e con compañías xaponesas con sede en Galicia. Durante a súa estadía, reunirase con representantes de Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods, firmas de interese para Galicia. Ademais, tamén visitará a Oficina Comercial de España en Xapón, a Cámara de Comercio e Industria Española no país, e manterá un encontro coa Japan External Trade Organization (Jetro), unha organización gubernamental dedicada a promover o comercio internacional e o investimento con Xapón.

O obxectivo da viaxe é seguir estreitando as relacións comerciais e culturais que Galicia vén mantendo co país nipón, con cifras á alza non só a nivel turístico senón, tamén, de empresas galegas que xa exportan de forma regular a este mercado.