Super User
A Xunta destaca a importancia do solo industrial e da axilidade administrativa para atraer novos investimentos a Galicia
- A directora do Igape, Covadonga Toca, e o xerente de Xestur, Diego Toja, participaron en Santiago no Foro sobre o Solo Industrial en Galicia, onde subliñaron a necesidade de contar con espazos empresariais axeitados para favorecer a implantación de novos proxectos
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, e o xerente de Xestur, Diego Toja, participaron hoxe no Foro sobre o Solo Industrial en Galicia, organizado polo Club Financeiro de Santiago, onde destacaron a importancia de dispoñer de solo industrial preparado e dunha administración áxil para reforzar a capacidade de Galicia de atraer novos investimentos e favorecer o crecemento das empresas xa implantadas na comunidade.
Durante a súa intervención, Toca Carús subliñou que o solo empresarial constitúe unha ferramenta fundamental de competitividade e desenvolvemento económico, especialmente para impulsar grandes proxectos tractores capaces de xerar emprego e dinamizar a actividade nas comarcas. Neste sentido, puxo en valor as fortalezas de Galicia como destino investidor, cunha base industrial consolidada, sectores estratéxicos competitivos, vocación internacional e unha posición atlántica que facilita a conexión cos principais mercados.
Toca Carús apelou á colaboración entre as distintas administracións e entidades responsables do desenvolvemento do solo empresarial para conectar a oferta dispoñible coas necesidades do tecido produtivo, reafirmando o compromiso do Goberno galego de seguir traballando da man das empresas para converter as oportunidades de investimento en novos proxectos, actividade económica e emprego para Galicia.
Pola súa banda, o xerente de Xestur, Diego Toja, puxo en valor os resultados do concurso público deste ano, ao tempo que lembrou o impulso de novas actuacións para incrementar a oferta de solo empresarial, entre as que citou as ampliacións de Lalín, actualmente en obras, o novo parque empresarial de Ribeira, o desenvolvemento estratéxico de Mandiá, en Ferrol, ou a recente aprobación inicial da ampliación da Sionlla, en Santiago.
Finalmente, incidiu en que o obxectivo de Xestur non é unicamente poñer máis solo empresarial no mercado, senón conseguir que este se transforme en novos proxectos industriais, investimentos e postos de traballo.
A Xunta aposta por conectar innovación, industria e internacionalización para reforzar a competitividade das empresas galegas
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na Coruña no encontro “Looking at the Future”, organizado por Club Cámara Noroeste, onde destacou a importancia de transformar o potencial industrial de Galicia en novas oportunidades de crecemento empresarial
- Salienta que a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, dotada con máis de 400 millóns de euros, busca converter o coñecemento e a tecnoloxía en actividade produtiva, emprego e maior valor engadido
- Pon en valor a aposta do Igape por un modelo de acompañamento máis próximo e personalizado, que conecte os instrumentos de investimento, financiamento, innovación e internacionalización para dar resposta ás necesidades das empresas
A Coruña, 6 de novembro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe a aposta da Xunta por conectar a capacidade industrial de Galicia coa innovación, a internacionalización e a captación de investimentos para reforzar a competitividade das empresas galegas. Así o sinalou durante a súa participación no encontro “Looking at the Future”, organizado por Club Cámara Noroeste na Coruña, onde puxo en valor a sólida base industrial da comunidade e a importancia de aproveitar as novas tecnoloxías para avanzar cara a actividades de maior valor engadido.
Neste sentido, Toca Carús lembrou que Galicia alcanzou en 2025 un valor engadido bruto industrial de 12.300 millóns de euros, o máximo da serie histórica, mentres que as exportacións se situaron nos 30.939 millóns, superando por terceiro ano consecutivo a barreira dos 30.000 millóns.
Sobre esta base, a directora do Igape destacou a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, recentemente aprobada pola Xunta e dotada con máis de 400 millóns de euros, que ten como obxectivo estender a innovación a máis empresas e conseguir que se traduza en maior produtividade, novos produtos, procesos máis eficientes e oportunidades de crecemento.
No ámbito da internacionalización, incidiu na súa importancia como unha das grandes pancas de crecemento empresarial, destacando a necesidade de ampliar a base exportadora, diversificar mercados e reforzar a presenza das empresas galegas no exterior. Neste sentido, puxo en valor a rede de Antenas do Igape, actualmente presente en seis mercados estratéxicos, e a súa próxima ampliación a Brasil e Arxentina para aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece Mercosur.
Acompañamento empresarial máis próximo e integral
Así mesmo, a directora salientou a evolución do Igape cara a un modelo de acompañamento empresarial máis personalizado e proactivo, que permita anticipar as necesidades das compañías e ofrecer respostas adaptadas a cada proxecto.
Neste sentido, salientou o papel da Oficina Económica de Galicia, que desde a súa posta en marcha atendeu máis de 47.700 consultas, mantivo máis de 2.400 reunións con empresas e acompañou máis de 530 proxectos de especial relevancia.
Ademais, Toca Carús lembrou que o Igape contará en 2027 cun orzamento superior aos 280 millóns de euros para seguir impulsando o investimento, a innovación, o financiamento e a internacionalización das empresas galegas.
Lorenzana preside a toma de posesión do novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Isaac Rosón
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe a toma de posesión do novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Isaac Rosón, que releva no cargo a Nicolás Vázquez, actual conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Rosón era ata agora o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica na Consellería do Mar, un posto que pasou a ocupar logo de exercer como director da Área de Innovación Empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Licenciado en Enxeñería Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña, ocupou distintos cargos nos departamentos de Seguridade e Inspección Marítima das Capitanías Marítimas de Alacante e Barcelona. A súa traxectoria profesional tamén estivo vinculada á docencia universitaria como profesor asociado na Facultade de Náutica barcelonesa. Así mesmo, conta con experiencia no eido privado, onde desenvolveu traballos relacionados co deseño naval en distintas empresas do sector.
Villares sinala que Galicia avanza nunha transición ecolóxica xusta e compatible co fortalecemento dos sectores produtivos
- O delegado territorial da Xunta en Lugo participou na inauguración da xornada “Capacita Directivos 2026” sobre sustentabilidade e competitividade, organizada por Nordés Club Empresarial co apoio do Igape
Lugo, 27 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na inauguración da xornada “Capacita directivos 2026” sobre transición ecolóxica e competitividade territorial, organizada por Nordés Club Empresarial e impulsada polo Goberno galego a través do Igape; tamén interveu o director da área de Competitividade deste organismo, Norberto Rey.
No encontro empresarial, que tivo lugar nas instalacións do grupo Lence no Ceao, Villares explicou algunhas das medidas que se están a adoptar en Galicia para avanzar nunha transición ecolóxica equilibrada, gradual e compatible co fortalecemento dos sectores produtivos. “A transición ecolóxica é un dos motores fundamentais de transformación económica e social, e adiantarse supón unha vantaxe competitiva para as empresas”, apuntou.
Neste sentido, referiuse aos compromisos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, que inspiran diversa normativa europea, estatal e autonómica, entre elas a Lei do Clima de Galicia que entrou en vigor este ano. A Comunidade aspira a lograr a neutralidade climática no 2040 e a reducir no ano 2030 o 75% das emisións de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990.
Villares sinalou a necesidade de impulsar os cambios necesarios no sector privado, ao tempo que se implementan tamén nas instalacións e servizos públicos. O Instituto Enerxético de Galego (Inega) desenvolve plans de apoio para o tecido económico, mesmo algúns específicos para actividades de especial relevancia.
Así, conta cun programa para favorecer equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria, que este ano destinou 407.000 euros a 36 explotacións da provincia de Lugo.
Igualmente, ata o 7 de decembro está aberto o prazo para que as empresas turísticas poidan solicitar axudas para medidas de mellora da eficiencia enerxética; o orzamento da convocatoria ascende a 9 millóns de euros. No 2025 beneficiou a 38 establecementos de hostalería e aloxamento da provincia de Lugo, aos que achegou un investimento global de 3,7 millóns de euros.
Os Orzamentos de Economía e Industria crecen ata os 480 M€ para crear máis solo industrial e consolidar as oportunidades da innovación e do sector da defensa
- Xestur bate un récord histórico ao incrementarse un 36 por cento o seu presuposto e situarse nos 45,66 M€
- Será novidade o programa Galicia Industria 360, que ofrecerá naves preparadas para reducir os prazos de implantación de novas empresas
- A Iesda cuadriplica os apios ás empresas: pasan de 1,93 M€ a 7,25 M€; e destina 12,13 M€ a incentivar o desenvolvemento tecnolóxico
- O orzamento para innovación do Igape (46 M€) enfocaranse en potenciar a innovación industrializada para fomentar a fabricación de produtos e servizos tecnolóxicos en Galicia e a súa comercialización
- No ámbito enerxético (Inega), destinaranse 40,54 M€ a apoiar os investimentos de empresas, entidades e familias e a impulsar o autoconsumo e o almacenamento
- Mantense a aposta pola construción en madeira na Xera, coa rehabilitación do Pazo de Lourizán como principal actuación (6M€)
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que os Orzamento do seu departamento para o vindeiro exercicio crecen ata os 479,39 millóns de euros, un 5,47 por cento máis con respecto aos actuais, para crear máis solo industrial e consolidar as oportunidades da innovación e do sector da defensa.
Lorenzana presentou hoxe no Parlamento as contas da consellería para 2027, onde precisou que, sen os fondos MRR, o aumento sitúase arredor do 8 por cento. Ademais, sen contar persoal nin operacións financeiras, o gasto medra un 3,93 por cento, de 322,9 a 335,6 millóns.
Orzamento récord en Xestur e programa Galicia Industria 360
En 2027, segundo explicou, a Consellería de Economía e Industria vai continuar priorizando a creación de solo empresarial, co obxectivo de desenvolver case 12 millóns de metros cadrados ata o ano 2030. Para iso, o orzamento de Xestur bate un récord histórico ao incrementarse un 36 por cento e situarse nos 45,66 millóns de euros. En paralelo, tamén se vai duplicar a dotación da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial dedicada ao financiamento desta sociedade, que pasa de 10 a 20 millóns de euros.
A medida máis importante nesta área vai ser o programa Galicia Industria 360, que ofrecerá solucións integrais ás necesidades da industria, con naves preparadas para reducir os prazos de implantación de novas empresas. Xunto con isto, vanse reforzar, tamén, as axudas aos concellos para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais, que soben un 61,44 por cento, ata os 4,78 millóns de euros; e para planeamento.
Defensa, Seguridade e Aeroespazo
Por outra banda, mantense a aposta pola diversificación industrial, e as principais actuacións recollidas na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (Iesda) para o 2027 van contar con 19,45 millóns de euros, un 50 por cento máis, entre desenvolvemento tecnolóxico, convenios e apoios ás empresas, que case se cuadriplican: pasan de 1,93 millóns en 2026 a 7,25 millóns. Ademais, 12,13 millóns corresponden ás actuacións estratéxicas de desenvolvemento tecnolóxico.
Industrializar a innovación
No que respecta ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) contará con 291,92 millóns de euros. Sen contar persoal, os seu orzamento medra un 3,9 por cento. Unha boa parte dese crecemento destínase ao financiamento empresarial, que sobe un 11 por cento: máis de 140 millóns de euros en instrumentos financeiros. Neste eido, convocarase unha nova liña IFIS do Fondo de Transición Xusta con 26,4 millóns de euros, para dar soporte e impulso á provincia da Coruña.
Xunto ao financiamento, reforzaranse as axudas ao investimento e á competitividade con 62 millóns de euros. Destaca a liña de Atracción de empresas, que contará con 22,3 millóns en 2027. E a Oficina Económica de Galicia disporá de 1,03 millóns de euros específicos para asistencia especializada, e para a actividade da oficina en Madrid, inaugurada este ano.
En relación á área de innovación do Igape, o orzamento roldará os 46 millóns de euros e combina programas xa iniciados e novas actuacións da Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, que ten como principal obxectivo industrializar a innovación para fomentar a fabricación de produtos e servizos tecnolóxicos en Galicia e a súa comercialización. Xunto con isto, a área de internacionalización contará con 18,57 millóns de euros.
Neste punto destaca o apoio da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, que contará con 1 millón de euros en total para aceleración de proxectos e plans directores da política industrial, ademais dun reforzo do persoal.
Autoconsumo e almacenamento de renovables
A política enerxética tamén ten un papel destacado nos orzamentos do vindeiro ano para facilitar a eficiencia, o aproveitamento das renovables e ao abaratamento dos procesos produtivos. O Inega contará con 51,73 millóns de euros, dos que destinará 40,54 millóns a apoiar os investimentos de empresas, entidades e familias. Así, mantéñense os apoios ao autoconsumo e ao almacenamento, ás renovables térmicas e á eficiencia enerxética empresarial. E, tamén, o Plan Renova o teu Vehículo, con 2,5 millóns de euros, entre outros.
No ámbito mineiro, as axudas á sustentabilidade dos recursos naturais alcanzan preto de tres millóns de euros, un 19,54 por cento máis, para apoiar os investimentos das empresas. A restauración de antigos espazos mineiros contará cun millón de euros de fondos propios, un 18,84 por cento máis, e con outros 157.600 euros para estudos e traballos técnicos de restauración ambiental e seguridade. Neste eido, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais refórzase con dez persoas máis para o control e a tramitación dos novos concursos mineiros.
A madeira na construción e Lourizán
E, por último, no que respecta á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), contará con arredor de 33 millóns de euros. Sen contar persoal, os seus recursos medran un 37,38 por cento. Este reforzo destínase principalmente á rehabilitación de Lourizán (6 M€), ás axudas á construción en madeira e ás actuacións de mellora e transformación de produtos forestais. Como novidade, crearase unha nova oficina de apoio á construción con madeira, en colaboración co CIS Madeira e coa Fundación Arume, con 120.000 euros en 2027.
“Atraer un investimento non empeza o día no que unha empresa anuncia a súa chegada. Empeza moito antes: cando hai solo dispoñible, cando o financiamento está a punto, cando a Administración responde a tempo. Iso é o que fan estes orzamentos: preparar Galicia para que, cando chegue a oportunidade, estea en condicións de aproveitala”, concluíu Lorenzana.
Rueda anuncia que a Xunta aproba a primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial con más de 400 M€ para mellorar a competitividade do sector
- Salienta que o obxectivo é “que a innovación forme cada día máis parte das empresas”
- A conselleira de Economía destaca que se busca industrializar a innovación para xerar novos produtos e emprego cualificado e de calidade na comunidade
- Galicia, fábrica de innovación articúlase en catro eixes e 14 actuacións para incrementar as capacidades das empresas nun mercado cada vez máis global
- A colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos facilitará que os avances científicos se convertan en solucións aplicables no tecido produtivo
- Rueda fixa como metas “incrementar nun 25 % o número de empresas innovadoras e superar os 1.500 M€ de gasto empresarial en innovación”
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, “con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros”. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que “a innovación forme cada día máis parte das empresas”, algo fundamental para “ser máis competitivos e non quedar atrás” nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico.
Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación. “É dicir, facilitar que as ideas e as innovacións tecnolóxicas estean presentes na industria e desde ela cheguen ao mercado”, indicou Rueda. “Queremos que o talento e coñecemento se convertan en capacidade produtiva, que a innovación remate en industrialización propia en Galicia e isto xere emprego cualificado na comunidade”, engadiu a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
A iniciativa parte da evolución positiva da innovación empresarial galega “que levou a cabo un crecemento exponencial” nos últimos anos, segundo resaltou a conselleira. Nesta liña, o presidente lembrou que “entre 2018 e 2024 o gasto empresarial en I+D medrou un 71 %, ata alcanzar os 510,5 millóns de euros, mentres que o persoal das empresas dedicado a estas actividades aumentou un 30 %”, ata as 6.285 persoas. Sobre este escenario, a Xunta busca agora ampliar o número de empresas que innovan, especialmente entre as pemes, e reforzar a aplicación do coñecemento ao tecido produtivo.
A Estratexia Galega de Innovación Empresarial estrutúrase en catro eixes (activar, potenciar, estruturar e mobilizar) que son complementarios e que inclúen un total de 14 medidas que abranguen todo o proceso de innovación: desde a incorporación de capacidades nas empresas ata o desenvolvemento e a comercialización de solucións tecnolóxicas, a colaboración entre os axentes do ecosistema e a mobilización de investimento.
Catro eixes para levar a innovación ao mercado
Tal e como explicou a conselleira, o primeiro eixe, cunha partida de 47,4 millóns de euros, chámase Activar a innovación nas empresas e “busca facilitar que a innovación forme parte habitual das nosas empresas, especialmente as pemes”, promovendo a incorporación de talento e capacidades especializadas a través de liñas como Innocap Galicia, creada para apoiar a incorporación de profesionais cualificados vinculados a proxectos de innovación e innova Mercado, dirixida a impulsar a comercialización dos produtos das startups.
O segundo eixe Potenciar a innovación, con 231,9 millóns de euros, desenvolverase a través de actuacións como TIC-MAQ, orientada ao desenvolvemento de tecnoloxías propias e maquinaria avanzada, e Accelerator Galicia, un novedoso instrumento que combina subvención e financiamento con participación do Igape e Xes Galicia. Tamén forma parte deste eixe a iniciativa Industrializa a Innovación que, cunha partida de 66,5 millóns de euros arrancará o próximo ano. Trátase dun novo programa de compra pública precomercial dirixido aos sectores estratéxicos da industria galega onde os centros tecnolóxicos actuarán como promotores de proxectos para facilitar a súa validación, industrialización e chegada ao mercado.
O terceiro eixe, Estruturar e conectar (9,4 M€), reforzará a colaboración entre empresas, centros tecnolóxicos e outros axentes do ecosistema. Neste ámbito destacan, entre outros, programas como MatchINN Galicia para conectar necesidades empresariais con solucións innovadoras e Business Wallet Galicia, para simplificar trámites coa Administración.
O Igape destinará un total de 113,1 millóns de euros a Mobilizar o investimento, o cuarto e último eixe. A súa finalidade é facilitar que os proxectos conten cos recursos para desenvolverse. Para iso, incorpora ferramentas como XesTransforma, destinada a mellorar a preparación dos proxectos tecnolóxicos para o investimento, e o Fondo Venture Studio, orientado a converter ideas innovadoras en iniciativas viables. Estas actuacións complementaranse cos instrumentos de financiamento do Igape e XesGalicia
Acompañamento personalizado
A primeira Estratexia Galega de Innovación Empresarial tamén incorpora un modelo de acompañamento máis personalizado e proactivo por parte do Igape, que permitirá adaptar os apoios á situación de cada empresa, ao seu grao de madurez innovadora e ao seu potencial de crecemento. O obxectivo é facilitar que cada compañía identifique e aproveite os recursos máis axeitados en cada fase do seu desenvolvemento e, polo tanto, favorecer a fabricación de solucións innovadoras en Galicia.
Con esta iniciativa, a Xunta busca ampliar a base empresarial innovadora e reforzar a conexión entre coñecemento, industria e mercado. Rueda resaltou que, entre os obxectivos fixados para 2028, figuran “incrementar nun 25 % o número de empresas innovadoras, superar os 1.500 millóns de euros de gasto empresarial en innovación, alcanzar máis de 4.200 persoas dedicadas” a actividades internas de innovación nas empresas e superar os 2.700 beneficiarios dos instrumentos públicos de apoio.
Lorenzana destaca a capacidade exportadora das empresas galegas, que sitúa a comunidade nos primeiros postos do ránking nacional
- Avanza que a Xunta está a piques de anunciar a nova Estratexia de Internacionalización na que está traballando, que “bebe do éxito da anterior”, di
Ourense, 15 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe de manifesto a capacidade exportadora das empresas galegas, que sitúa Galicia nos primeiros postos do ránking nacional con 18.409,7 millóns de euros rexistrados de xaneiro a xullo, un 0,9 por cento de variación interanual.
Lorenzana interveu hoxe na xornada Conversas Conecta Ourense, organizadas pola Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), onde apuntou que Galicia está entre as comunidades autónomas máis exportadoras, moi preto do País Vasco, coa que habitualmente mantén cifras moi semellantes. “É unha mostra desa Galicia calidade industrial e económica”, afirmou.
“Estamos moi por riba en peso exportador do noso peso poboacional -proseguiu-, e iso ten moitísimo que ver co talento, coa capacidade do tecido produtivo galego, pero tamén con que se fixeron as cousas ben”, recoñeceu, en alusión ás confederacións de empresarios, ás propias empresas e, tamén, ao labor de acompañamento que leva feito a Administración autonómica.
Referiuse, así, ás liñas de apoio que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) leva posto á disposición das empresas galegas para a apertura de novos mercados. E, neste contexto, avanzou que a Xunta está a piques de anunciar a nova Estratexia de Internacionalización na que está traballando que, segundo dixo, “bebe do éxito da anterior”, concluíu.
A Xunta reforza a súa axenda empresarial en China explorando o potencial loxístico e industrial de Tianjin
- A directora do Igape, Covadonga Toca, visita un dos principais portos de China, acompañada por empresas galegas con intereses comerciais no mercado asiático
- A xornada incluíu tamén un percorrido pola área industrial e tecnolóxica de Binhai, que concentra importantes empresas dos sectores da automoción, o aeroespacial, a biotecnoloxía e a saúde
Tianjin (China), 24 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou o porto de Tianjin, un dos principais centros portuarios e loxísticos de China, acompañada por representantes das empresas galegas Citic Censa, Pérez Torres e Kaleido, con intereses comerciais no mercado chinés. A visita enmarcouse na axenda institucional e empresarial desenvolvida pola Xunta de Galicia no país asiático para identificar novas oportunidades de negocio e reforzar as relacións económicas entre ambos os territorios.
A visita desenvolveuse no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por CITIC Group, que reuniu representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.
A visita desenvolveuse no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por CITIC Group, que reuniu representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.
Durante o percorrido, a delegación puido coñecer as instalacións e os plans de desenvolvemento do porto de Tianjin, situado entre os cinco primeiros de China en tráfico de contedores e cun papel estratéxico nas conexións comerciais e loxísticas do norte do país, especialmente na área de Beijing.
A participación das empresas galegas permitiu coñecer de primeira man as capacidades loxísticas da zona e explorar posibles oportunidades de colaboración, tendo en conta os seus intereses comerciais nun mercado de gran relevancia internacional.
A xornada incluíu tamén unha visita á Binhai New Area, unha das principais áreas de desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Tianjin, que concentra unha importante actividade empresarial en sectores como a automoción, a industria aeroespacial, a biotecnoloxía, a saúde e as novas tecnoloxías. Neste espazo teñen presenza grandes compañías internacionais, xunto cunha ampla rede de empresas industriais e de compoñentes.
Neste contexto, Toca Carús destacou a importancia de acompañar as empresas galegas nos mercados internacionais, facilitar o coñecemento directo de novos contornos empresariais e favorecer contactos que poidan traducirse en oportunidades de negocio. Así mesmo, puxo en valor as capacidades industriais e tecnolóxicas de Galicia e as posibilidades de establecer novas relacións de colaboración en sectores de interese común.
Finalmente, a directora lembrou o traballo que desenvolve o Igape para apoiar a internacionalización do tecido empresarial galego, a través de iniciativas comerciais e institucionais e da súa rede de Antenas no exterior. Neste sentido, destacou o papel da Antena do Igape en China, que facilita contactos, identifica oportunidades e acompaña as empresas galegas na súa actividade neste mercado.
Lorenzana sinala que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas. “Pode actuar como unha ponte entre o recurso forestal e o mercado”, asegurou.
Lorenzana clausurou hoxe a XVI Semana Internacional Contract Galicia, acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e alí lembrou a aposta da Xunta por fomentar a construción industrializada en madeira que, segundo dixo, “amplía a maneira de entender o contract”.
A conselleira destacou a vocación internacional deste sector que, en Galicia, abrangue preto de 200 empresas, máis de 7.000 postos de traballo e unha facturación de ata 700 millóns de euros. “O noso desafío é conectar mellor todas as nosas capacidades e situar as empresas galegas non só como provedoras, senón como socias estratéxicas dos grandes proxectos internacionais”, asegurou.
Neste contexto fixo referencia aos últimos datos de exportacións da comunidade autónoma que, ata agosto deste ano, creceron un 1,5 por cento, ata os 20.546,3 millóns de euros. Galicia concentra o 7,8 por cento das exportacións de toda España e ocupa a sexta posición entre comunidades, moi preto do País Vasco.
O reto, proseguiu, consiste agora en “ampliar esa base empresarial, reforzar a nosa posición nos principais destinos europeos e acceder a novas oportunidades comerciais noutros mercados”. E, para iso, lembrou que a Xunta presentará proximamente a nova Estratexia de Internacionalización, que se vai sumar á Estratexia de Innovación Empresarial aprobada esta mesma semana con máis de 400 millóns de euros de investimento.
A Xunta explora en China novas oportunidades de colaboración empresarial en sectores estratéxicos para Galicia
Tianjin (China), 22 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro cos responsables económicos do distrito de Hexi, un dos principais distritos empresariais da cidade chinesa de Tianjin, co obxectivo de explorar novas oportunidades de colaboración económica e empresarial entre Galicia e China e favorecer o desenvolvemento de novos contactos e proxectos conxuntos.
Durante a reunión, celebrada no marco dunha visita institucional e comercial ao país asiático, abordáronse as posibilidades de cooperación en catro sectores nos que Hexi conta cunha destacada actividade empresarial: a loxística, o aeroespacial, a biotecnoloxía e a saúde e as novas tecnoloxías. Trátase de ámbitos nos que Galicia tamén dispón de capacidades empresariais, industriais e tecnolóxicas que poden facilitar novas vías de colaboración.
Neste contexto, Toca Carús puxo en valor a fortaleza e a diversidade do tecido empresarial galego, a súa experiencia nos mercados internacionais e a capacidade para desenvolver proxectos innovadores en sectores de alto valor engadido. Así mesmo, destacou as sinerxías e os intereses comúns existentes entre ambos os territorios, que ofrecen oportunidades para impulsar novas relacións comerciais, compartir coñecemento e explorar posibles investimentos.
Tras o encontro, quedou aberta a posibilidade de organizar futuras visitas de empresas galegas a Tianjin, así como dunha delegación de Hexi e Tianjin a Galicia, co fin de coñecer de primeira man as capacidades empresariais de ambos os territorios e identificar oportunidades concretas de cooperación.
A directora do Igape destacou a importancia destes contactos para seguir reforzando a proxección internacional de Galicia e abrir novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Neste sentido, lembrou o papel da Antena do Igape en China como instrumento para facilitar contactos, identificar oportunidades e acompañar o tecido empresarial na súa actividade neste mercado.