Super User
Lorenzana destaca que as exportacións galegas a Francia representan case o 20 % do total das vendas ao exterior
- Destaca que no 2023 as exportacións ao país galo acadaron preto de 5.300 millóns de euros
- Insiste en que Galicia é un “territorio atractivo” que ofrece estabilidade, certezas e un entorno favorable para o desenvolvemento empresarial
- Destaca que a prioridade da Xunta é seguir potenciando esta relación económica
Madrid, 10 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que as exportacións galegas a Francia representaron no ano 2023 case o 20 % do total das vendas ao exterior.
Lorenzana, que participou no Encontro entre a Comunidade franco-española e a súa relación coa Universidade -foro organizado pola Universidade Politécnica de Madrid-, destacou que Francia é un investidor chave e un socio estratéxico co que Galicia comparte unha relación comercial sólida e “mostra disto é que as exportacións ao país galo acadaron preto de 5.300 millóns de euros”, dixo. Na súa intervención, a conselleira puxo en valor que Galicia é un territorio atractivo para o investimento estranxeiro porque “ofrecemos estabilidade, certezas e un entorno favorable para o desenvolvemento empresarial”, subliñou.
Neste sentido, sinalou que o Goberno galego aposta por unha economía aberta e competitiva que exporta calidade, innovación, talento e valor engadido. Segundo explicou, Francia é un aliado fundamental na vocación internacional que ten a economía galega, unha relación que se sustenta en sectores estratéxicos que “definen o noso modelo industrial e produtivo” apuntou.
Así, fixo alusión á automoción que “é o motor das nosas exportacións”, con máis de 2.000 millóns de euros vendidos a Francia o ano pasado; e aos sectores téxtil ou agroalimentario, “que reforzan aínda máis a nosa presenza no país galo”, sinalou.
Así mesmo, explicou que a prioridade da Xunta é fortalecer os lazos con Francia e seguir potenciando as relacións pois “cremos na cooperación e na competividade”, subliñou.
A Xunta reforza a súa aposta pola innovación e o emprendemento cooperativo coas novas axudas do Igape e Emprego
- A directora xeral do Igape, Covadonga Toca, xunto coa directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participan na xornada organizada por AGACA
- Toca Carús pon en valor o amplo abano de liñas activado este ano, que suma máis de 172 millóns para promover o impulso á innovación, á dixitalización e á internacionalización do tecido produtivo galego
- A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social subliña o apoio do Goberno galego ao cooperativismo e a economía social como fórmula xeradora de emprego de calidade e motor dun crecemento sustentable
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron hoxe na xornada de Apoio ao Emprendemento Cooperativo, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), onde expuxo as principais liñas de axuda que a Xunta de Galicia pon á disposición de cooperativas, startups, pemes e autónomos ao longo de 2025.
Neste sentido, durante a súa intervención, Toca Carús destacou que o Igape está a activar un amplo abano de apoios, que suman máis de 172 millóns de euros, e que permiten mellorar a competitividade empresarial, facilitar o acceso ao financiamento e impulsar a innovación e a dixitalización do tecido produtivo galego.
Dentro deste paquete, expuxo, existen programas dos que se poden beneficiar tanto as novas cooperativas como as startups en sectores estratéxicos para Galicia. Así, entre as liñas, a directora do Igape fixo fincapé na importancia do financiamento, que contará, entre outras accións, con 50 millóns de euros en préstamos directos e créditos preferentes para a modernización e dixitalización.
Así mesmo, Toca Carús subliñou o papel da innovación como motor de transformación empresarial, salientando o programa IA 360, dotado con 15,2 millóns de euros, que facilitará a incorporación da intelixencia artificial ao tecido produtivo galego.
Sobre esta base, proseguiu a directora, actívanse outros programas clave para a transformación dixital e a mellora da eficiencia. Entre eles, destacou os 12 millóns en incentivos para atraer novas empresas a Galicia, ou o asesoramento especializado, no que o programa ReAcciona, con 2,8 millóns de euros, ofrecerá un ano máis servizos de optimización da xestión e mellora da eficiencia.
A Oficina Económica
A directora do Igape destacou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia, que en menos dun ano de funcionamento xestionou máis de 14.000 consultas e 200 proxectos estratéxicos, facilitando o acceso á administración e á financiación para pemes, autónomos e emprendedores.
Trátase dun servizo integral de apoio ás empresas que axiliza trámites administrativos, facilita o acceso a financiamento e simplifica a interlocución coa administración, reducindo prazos e mellorando a experiencia das compañías na súa relación co sector público.
Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, fixo fincapé no compromiso da Xunta coa promoción do cooperativismo e a economía social, impulsando a actividade económica destas fórmulas de negocio como un motor de crecemento sustentable e xerador de emprego de calidade. Ademais, remarcou que o Goberno galego ten en marcha na actualidade a segunda Estratexia da economía social, unha planificación con horizonte 2027 e un orzamento de 174 millóns de euros coa aspiración de xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Neste senso, a directora xeral mencionou diferentes apoios dispoñibles, como a recente publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria do programa Aprol Economía Social —que cun orzamento de 5M€ busca beneficiar unhas 170 entidades e promover a incorporación de 325 persoas socias— ou a nova edición lanzada hoxe da convocatoria de axudas dirixidas ás máis de 100 entidades de economía social que forman parte da Rede Eusumo.
Así mesmo, na xornada de hoxe tamén se deu conta dos apoios específicos para o colectivo autónomo, que este ano como novidade —e perseguindo o fin do Executivo autonómico de reducir a burocracia— están unificados na mesma orde, pretendendo beneficiar arredor de 8.700 traballadores por conta propia e contando cun orzamento de 40,7 M€.
A Xunta reafirma o seu compromiso co impulso do emprendemento feminino no sector tecnolóxico
- A directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na IX edición das xornadas Inspiring women leaders in the digital era, organizada por Women Startup Community
- Anuncia que mañá abre o prazo da nova convocatoria da liña de axudas para startups, cun orzamento de 1,5 M€
A Coruña, 6 de febreiro de 2025
A directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na IX edición das xornadas Inspiring women leaders in the digital era, organizada por Women Startup Community, onde reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso do emprendemento feminino no sector tecnolóxico.
Toca Carús subliñou a aposta da Administración autonómica por construír un espazo emprendedor máis inclusivo, equitativo e sustentable para superar a fenda de xénero que, dixo, aínda segue a ser unha realidade no eido tecnolóxico e empresarial. Amosou, así, a importancia de impulsar redes de apoio a iniciativas emerxentes e innovadoras que teñan o talento feminino como valor engadido.
Neste contexto, remarcou o papel da Xunta como aliada das empresas e persoas emprendedoras, non só co traballo que vén facendo a prol da desburocratización, senón coas diferentes liñas de axuda, neste caso, para promover o emprendemento innovador.
Mencionou, ao respecto, a rede de aceleradoras de Galicia, que leva permitido crear máis de 250 proxectos, dar apoio a 440 empresas e xerar máis de 1.400 postos de traballo cualificados. E tamén a liña de axudas específica para startups que a Administración autonómica convocou por primeira vez o ano pasado, con 84 iniciativas apoiadas.
Nesta liña, anunciou que mañá, 7 de febreiro, abre o prazo da nova convocatoria, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, para seguir reforzando un ecosistema que una emprendemento e innovación, como motor para diversificar a economía.
Lorenzana anuncia que a Xunta convocará este ano tres novas liñas de axuda para proxectos de descarbonización industrial e enerxías renovables
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, xunto co titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe nunha xornada sobre o Fondo de Transición Xusta
- En total suman 16,2 M€ e financiarán a implantación de plantas de fabricación de compoñentes e almacenamento enerxético, o uso do hidróxeno renovable, a produción de biogás ou biometano e o desenvolvemento de tecnoloxías renovables mariñas
- Lorenzana apunta que a Galicia lle corresponden para o período 2021-2027 máis de 100 M€ deste fondo, que se xestionan desde o Igape (71,5 M€) ou o Inega (28,8 M€) para diferentes actuacións na provincia da Coruña, Zona de Transición Xusta
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública pon en valor a xestión exemplar que está facendo Galicia dos recursos que achega o MRR, con máis de 45.000 persoas físicas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades beneficiadas ata o momento
A Coruña, 5 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai convocar este ano tres novas liñas de axuda para descarbonización industrial e enerxías renovables que suman 16,2 M€ con cargo ao Fondo de Transición Xusta.
Nunha xornada empresarial sobre instrumentos financeiros que clausurou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, Lorenzana avanzou que a Galicia lle corresponden para o período 2021-2027 máis de 100 M€ deste fondo, que se xestionan desde o Igape (71,5 M€) ou o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) (28,8 M€) para diferentes actuacións na provincia da Coruña, Zona de Transición Xusta.
En concreto, apuntou que unha das novas liñas, que se vai convocar previsiblemente no primeiro trimestre deste ano, será para financiar proxectos relacionados coa implantación ou adaptación de plantas de fabricación de compoñentes de enerxías renovables e almacenamento enerxético, cun orzamento de 3,8 M€.
O segundo programa de axudas subvencionará proxectos de aplicación e uso de hidróxeno renovable e tamén de valorización enerxética de residuos orgánicos para a produción de biogás ou biometano non destinado ao autoconsumo. Estará dotada cun orzamento de 7,6 M€ e tamén se estima que saia publicada no primeiro trimestre de 2025.
Por outra banda, a terceira das liñas será para proxectos de tecnoloxías relacionadas coas enerxías renovables mariñas e o almacenamento enerxético a desenvolver na zona experimental de Punta Langosteira (A Coruña), cun orzamento de 4,8 M€ e a previsión de que sexa convocada no terceiro trimestre do ano.
Xunto con isto, Lorenzana lembrou que acaba de saír convocada a liña de préstamos reembolsables do Igape para grandes empresas, por valor de 37 M€; e a do Inega para proxectos de redución de emisións e eficiencia enerxética en empresas do sector industrial (12,5 M€). Ambas as dúas, do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, que se suman ás de creación de centros dixitais para soporte tecnolóxico ás pemes (8 M€).
“Cremos que non é tanto falar de transición xusta ou non, senón de facer as cousas con sentido común, de xeito equilibrado e flexible”, dixo a conselleira, para lembrar que a clave está en que os territorio declarados Zonas de Transición Xusta “sufran o menos posible”, desde o punto de vista socioeconómico e laboral e “saian reforzados” de todo este proceso.
Nese sentido, animou ás empresas da provincia da Coruña a que concorran a estas convocatorias de axudas encamiñadas a promover a reindustrialización e a dinamización económica de toda a contorna das Pontes e Meirama e a mitigar o impacto que comporta o peche das respectivas centrais térmicas.
Exemplar execución dos fondos comunitarios
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, lembrou que, en materia de fondos, Galicia ten demostrado sobradamente o seu exemplar comportamento na execución dos recursos comunitarios, que teñen contribuído de maneira notable no desenvolvemento económico e social da Comunidade.
Neste sentido, referiuse ao Programa Galicia FEDER 2021-2027, que constitúe unha firme aposta polo apoio ao tecido empresarial galego, en particular no contexto da innovación, a dixitalización, a internacionalización e a transicións enerxética. Ademais de destacar a importancia para a provincia da Coruña do Fondo de Transición Xusta que busca a diversificación económica dos territorios máis afectados pola transición climática.
Miguel Corgos puxo tamén en valor a xestión da Comunidade dos recursos que achega o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR); unha execución que ten o seu impacto na economía real, con máis de 45.000 persoas físicas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades beneficiadas ata o momento.
“O obxectivo final ten que ser que os recursos do mecanismo cheguen á cidadanía e ás empresas de maneira áxil”, aseverou, incidindo en que, desde a Administración autonómica, xa se ten demandado ao Goberno central algúns cambios para mellorar a xestión, cun sistema de cooperación e cogobernanza, para apoiar con maior axilidade e eficiencia ás empresas galegas.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu a súa intervención asegurando que a Xunta seguirá a traballar para que as empresas poidan dispoñer de instrumentos financeiros flexibles e áxiles, que se adapten ás necesidades de cada momento.
A Xunta avalía co Clúster do Deporte vías para impulsar e fortalecer a competitividade e innovación das súas empresas
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo con representantes do Clúster da Industria do Deporte Galego co obxectivo de analizar posibles liñas de colaboración que favorezan o desenvolvemento de accións conxuntas entre ambas as partes. Durante a xuntanza, abordáronse diferentes iniciativas que poden mellorar a visibilidade e o impacto do sector deportivo, así como fortalecer a colaboración entre ambas entidades.
Toca Carús destacou a importancia de sumar esforzos para impulsar proxectos que beneficien tanto aos profesionais do deporte como ás empresas e institucións do sector. A través desta colaboración, preténdese crear un marco de acción conxunto, de cara a mellorar a competitividade e a sustentabilidade do deporte na nosa rexión.
O Igape publicará no DOG de mañá, 4 de febreiro, os novos prazos de presentación de solicitudes de axudas
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2025
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) informa que mañá, 4 de febreiro de 2025, procederá á publicación no Diario Oficial de Galicia dos novos prazos para a presentación de solicitudes de axudas, unha vez subsanadas as incidencias técnicas na súa nova plataforma tecnolóxica.
Lembramos que as persoas interesadas poderán consultar os novos prazos e toda a información detallada a través das canles oficiais de información: o Diario Oficial de Galicia (DOG), a sede electrónica da Xunta e a Oficina Virtual do Igape.
Lorenzana destaca o peso do sector téxtil e o metalmecánico nas exportacións de Galicia a Paraguai
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta tarde senllos encontros coa Asociación de Empresarios Galegos en Paraguai e co director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo
- Subliña que a industria metalmecánica aumentou máis de catro veces o seu volume de exportacións nos dous últimos anos
- Resalta que o pasado ano 62 empresa galegas exportaron a Paraguai, un 29,2% máis en relación a 2023
- Confía en que o acordo comercial entre Mercosur e a Unión Europea contribúa a reforzar os lazos económicos entre Galicia e Paraguai, así como o labor que fai a propia Asociación de Empresarios Galegos no país á hora de acompañar e abrir portas ás empresas con intereses comerciais alí
- Salienta que o papel das Cámaras de Comercio é fundamental para o desenvolvemento do Plan Foexga que, este ano, contará cun orzamento de 2,4 M€ e que leva permitido a pemes e grandes empresas galegas chegar a máis de 70 países
A Coruña, 31 de xaneiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o peso que o sector téxtil e o metalmecánico teñen nas exportacións de Galicia a Paraguai, cara a onde tamén se incrementou o número de empresas galegas que venden os seus produtos nese país.
Lorenzana mantivo esta tarde un encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Paraguai, onde puxo de manifesto que as exportacións do sector téxtil, o máis relevante nas relacións comerciais entre Galicia e o país suramericano, acadaron o pasado ano 1,7 millóns de euros o cal responde, dixo, “a unha tendencia consolidada e non a un fenómeno puntual”.
Na mesma liña, destacou o crecemento que rexistrou en 2024 a industria metalmecánica que, a partir de 2023, aumentou máis de catro veces o seu volume de exportacións a Paraguai, coincidindo cos bos datos de vendas que rexistrou o sector en Galicia, que se incrementaron un 16%. Concretamente, en 2023 o que exportou a este país creceu un 433% respecto ao ano anterior hasta 1,3 millóns de euros, a mesma cifra que acadou no acumulado de 2024. De feito, o cuarto produto que Paraguai máis importa desde Galicia son os compoñentes para automoción.
Con respecto ás empresas galegas que exportan ao país, a conselleira puxo de manifesto que o pasado ano foron un total de 62, un 29,2% máis en relación a 2023 e das cales un 11,3 % xa o fan de forma regular.
Lorenzana tamén amosou a súa confianza en que o acordo comercial entre Mercosur e a Unión Europea contribúa a reforzar os lazos económicos entre ambas as dúas economías, así como o labor que fai a propia Asociación de Empresarios Galegos en Paraguai á hora de acompañar e abrir portas ás empresas galegas con intereses comerciais no país.
En particular, referiuse ao sector agroalimentario, a construción, as enerxías renovables, a saúde ou as TIC como principais áreas de negocio onde poder afondar.
Reunión coa Cámara de Comercio da Coruña
Esta tarde, e tamén para avaliar a acción económica da Xunta no exterior, Lorenzana mantivo unha reunión co director xeral da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación da Coruña, Manuel Galdo, con quen abordou as liñas de colaboración que vén mantendo a entidade coa Administración autonómica en materia de internacionalización.
Concretamente, o papel das Cámaras de Comercio é fundamental, lembrou, para o desenvolvemento do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) que, este ano, contará cun orzamento de 2,4 millóns de euros e que leva permitido ás pemes e grandes empresas galegas chegar a máis de 70 países.
Lorenzana avanzou que, ao longo do mes de marzo a Xunta convocará as axudas de impulso á internacionalización, entre as que se atopa o dito plan e programas como Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que contará cunha dotación conxunta de 9,7 M€ para facilitar a expansión de pemes en mercados exteriores e apoiar as accións de promoción das asociacións empresariais galegas.
A Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia analizan as liñas de colaboración en materia de internacionalización para este ano 2025
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo unha reunión de traballo no marco da Comisión de Internacionalización da Confederación de Empresarios de Galicia, para poñer en común as propostas de colaboración e liñas de actuación no ámbito internacional ao longo deste ano 2025.
No marco do encontro, Toca Carús destacou a importancia de contar con instrumentos de apoio flexibles e áxiles, que permitan ás empresas adaptarse rapidamente ás novas dinámicas do mercado e aproveitar as novas oportunidades nun escenario internacional cada vez máis competitivo.
A directora puxo en valor as boas cifras das exportacións galegas, que tras superar o ano pasado por primeira vez na historia os 30.000 millóns, acumulan nos once primeiros meses deste exercicio máis de 28.500 millóns, un 3,1% máis que no mesmo período dese "histórico" 2023. "É xusto recoñecer o papel crucial que xoga a cooperación público-privada neste crecemento e no impulso dunha internacionalización efectiva e sostible", proseguiu.
Lorenzana destaca que a nova liña de acceso ao crédito para autónomos e pemes facilitará o acceso ao financiamento a máis de mil empresas
- A Xunta incrementa o orzamento da convocatoria do presente ano 2025 ata os 19 millóns de euros que poderían poñer en circulación ao redor de 150M€
- Nos últimos 5 anos, máis de 4.900 pemes e persoas autónomas galegas recibiron estas axudas, mobilizando un importe total de 389 M€
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou esta mañá nunha xornada de traballo na sede do Igape, onde aproveitou para facer balance da liña de acceso ao crédito para pemes e autónomos do período 2020-2024. Así mesmo, avanzou os principais puntos da nova convocatoria 2025.
No acto, onde estiveron presentes as principais entidades financeiras e Sociedades de Garantía Recíproca (SGR), Lorenzana destacou que no pasado exercicio, esta liña mobilizou un total de 144 millóns de euros.
O Goberno galego destina este ano 19 millóns de euros a esta iniciativa, que posibilitará máis dun millar de operacións. Deste xeito, as axudas terán un impacto previsto en operacións financeiras que poderá alcanzar os 150 millóns de euros no ano 2025.
Doutra banda, na xornada fíxose balance dos resultados da liña de axudas do período 2020-2024. Así, Lorenzana, acompañada pola directora do Igape, Covadonga Toca, resaltou as máis de 4.920 pemes e persoas autónomas galegas que puideron beneficiarse dos créditos e sinalou que este programa permitiu impulsar a mobilización dun importe total de 389 millóns de euros.
O Igape publicará novos prazos de presentación de solicitudes de axudas debido ás incidencia técnica da nova plataforma tecnolóxica
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2025
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) informa que, debido a incidencias técnicas na súa nova plataforma tecnolóxica de xestión, os prazos para a presentación de solicitudes quedan anulados para todos os efectos, polo que se garantiza a seguridade xurídica dos procedementos. Nos próximos días, o Igape publicará novos prazos para a presentación de solicitudes das axudas en vigor. Esta nova plataforma, deseñada para xestionar un gran número de axudas, presentou problemas imprevistos que dificultaron a tramitación correcta das solicitudes por parte das empresas e colectivos interesados.
O IGAPE é consciente da importancia destas axudas para o tecido empresarial galego e traballa para ofrecer solucións de maneira inmediata. A súa prioridade é garantir que todos os solicitantes poidan acceder ao proceso de forma áxil e sen complicacións técnicas.
Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión de todas as persoas e entidades afectadas.
O IGAPE informa que a publicación dos novos prazos será feita a través das canles oficiais de información: o Diario Oficial de Galicia (DOG), a sede electrónica da Xunta, e a Oficina Virtual da páxina web do Igape.