Super User

O Grove (Pontevedra), 9 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o papel que debe facer a Administración autonómica como aliada das empresas que queren implantarse en Galicia, investindo en solo empresarial, reforzando as infraestruturas, simplificando procedementos e impulsando a innovación.

Así o manifestou durante a súa intervención no acto de entrega dos premios da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), que este ano lle foron outorgados ao fundador e presidente de Ecoener, Luis de Valdivia, recoñecido como Empresario Galego do Ano en Galicia; e ao socio director de Alsis Funds, David Sánchez-Tembleque, que recibiu o premio Empresario Galego do Ano no Exterior. 

A ambos os dous recoñeceulles a súa traxectoria e definiunos como exemplo de que “cando hai talento directivo, hai empresas líderes”.

  • Sinala que as probas que se están desenvolvendo estes días son a evidencia tanxible da aposta da empresa pola comunidade autónoma e do inicio “dun proxecto industrial de longo percorrido chamado a transformar o futuro de Galicia”
  • Afirma que a rexión ofrece “estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento, ademais da seguridade de que aquí se fan as cousas ben, o compromiso e a fiabilidade que distinguen a Galicia Calidade”
  • Considera que a chegada desta industria consolidará ao territorio como “un dos polos de automoción máis importantes de toda Europa”

Ferrol, 9 de xullo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a “capacidade técnica, loxística e industrial” que atesoura Galicia, e que considerou un dos factores que contribuíu a que a multinacional do automóbil SAIC elixise Galicia como para instalar a súa planta de produción na Unión Europea. Unha decisión que agradeceu e que cualificou como “un primeiro paso de cara a constituír unha relación duradeira” entre a empresa e a nosa comunidade autónoma.

 Así o sinalou esta mañá durante a súa participación no acto de recepción dun buque portavehículos da multinacional, que chegou ao Porto de Ferrol co obxectivo de facer comprobacións loxísticas. Esta proba vén a evidenciar, segundo expuxo Rueda, que a aposta de SAIC por Galicia é tanxible. “Hoxe contemplamos a primeira imaxe visible dun proxecto industrial de longo percorrido chamado a transformar o futuro de Galicia”, indicou.

Neste sentido, agradeceu aos representantes da empresa ter escollido Galicia fronte a outros territorios. Así, lembrou que “Galicia ofrece estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento, ademais da seguridade de que aquí se fan as cousas ben, o compromiso e a fiabilidade que distinguen a Galicia Calidade”, afirmou.

Na súa intervención, tamén se referiu á importancia que a chegada desta empresa terá para Ferrol e As Pontes, e para ás súas comarcas. Con todo, precisou que o alcance será para toda Galicia, pois permitirá fortalecer o conxunto das cadeas de valor, abrir novas oportunidades e “consolidar á comunidade como un dos polos de automoción máis importantes de toda Europa”. En concreto, este proxecto suporá un investimento inicial duns 200 millóns de euros e a creación de ao redor de 2.300 empregos nunha primeira fase.

“Aquí van encontrar institucións comprometidas, empresas preparadas, universidades e centros tecnolóxicos de primeiro nivel e profesionais altamente cualificados”, indicou o presidente da Xunta, ao tempo que afirmou que, tamén atoparán o recibimento dunha “sociedade civil que sabe agradecer a quen chega con vontade de investir, crear emprego e construír futuro”.

A aposta de Galicia por captar iniciativas como esta obedece ao obxectivo marcado pola Xunta de seguir medrando, diversificando as capacidades e incorporando novas tecnoloxías da man de empresas líderes mundiais. Así, Rueda reivindicou tamén todo o traballo feito ata agora e recoñeceu a necesaria implicación do resto de administracións para seguir traballando de forma conxunta polo interese xeral.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Economía e Industria,  María Jesús Lorenzana, recibiu hoxe en Monte Pío ao vicepresidente de SAIC, Wu Bing, e ao subdirector xeral de SAIC Motor, Shi Lei, na véspera do primeiro desembarco de automóbiles desta compañía no porto exterior de Ferrol.

  • “Os grandes investimentos non nacen o día no que se anuncian. Ese día fanse visibles, pero comezan moito antes”, din
  • Asegura que Galicia leva anos creando as condicións que hoxe demandan as empresas e que non se busca atraer investimentos illados, senón construír unha carteira de proxectos capaces de transformar a economía galega
  • “Cando unha empresa internacional decide desenvolver un proxecto, está emitindo un xuízo sobre ese territorio, está dicindo que atopou as condicións para confiar. E iso ten un enorme valor”, sostén

Vigo, 7 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a Xunta está a desenvolver unha política industrial de anticipación para que Galicia estea preparada antes de que chegue a oportunidade. “O liderado industrial constrúese con anticipación, tamén con capacidade de resposta, e coa vontade de comprender como toman as empresas as súas decisións”, asegura.

Na súa intervención no Foro Santander: Visión empresarial, estratexia e futuro, Lorenzana destacou que “os grandes investimentos non nacen o día no que se anuncian. Ese día fanse visibles, pero comezan moito antes”, dixo. “Empezan cando un territorio prepara o solo empresarial que as empresas van necesitar; cando aposta polo talento antes de que apareza a demanda; cando reforza o seu sistema de innovación; cando planifica as súas infraestruturas; e cando incorpora a enerxía como un factor esencial da competitividade industrial”.

Segundo apuntou, Galicia leva anos creando as condicións que hoxe demandan as empresas. “Non buscamos atraer investimentos illados. Buscamos construír unha carteira de proxectos capaces de transformar a economía galega”, asegurou, para indicar que, actualmente, hai 17 proxectos industriais declarados como estratéxicos; coa Oficina Económica de Galicia, que dá unha resposta integrada durante todo o proceso de investimento.

Tamén sinalou que, se durante corenta anos Galicia desenvolveu algo máis de 11 millóns de metros cadrados de solo público, hoxe están en marcha actuacións que permitirán incorporar case 12 millóns máis ata 2030, cun investimento de máis de 440 millóns de euros. “Cando unha empresa está pechando onde vai medrar, cada metro cadrado de solo dispoñible significa que pode escoller Galicia e que, polo tanto, un proxecto pode arrancar antes e que un emprego que pode chegar antes”, afirmou.

Neste contexto, sinalou, ademais, que como “a capacidade para fabricar seguirá sendo decisiva, pero a capacidade para innovar marcará a diferenza”, a nova Estratexia Galega de Innovación mobilizará máis de 400 millóns de euros, reforzando a transferencia de coñecemento, a colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos e a incorporación da innovación ao tecido produtivo.

“Cando unha empresa internacional decide desenvolver un proxecto, está emitindo un xuízo sobre ese territorio, está dicindo que atopou as condicións para confiar. E iso ten un enorme valor”, remarcou. “Ao final, un territorio preparado é aquel que combina industria, coñecemento e capacidade de execución. E ese é o modelo polo que Galicia quixo apostar”. “Eu estou convencida de que imos ser quen nos vindeiros anos de cambiar a nosa posición no mapa industrial europeo”, concluíu.

  • “É fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficia Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”, di Lorenzana
  • Destaca que no ámbito do aeroespazo, Galicia empezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España, e que, xunto á BFAero, fixo que se consolide un ecosistema punteiro que nos vindeiros anos “pode darnos grandes alegrías”
  • Avanza que os grandes acordos marco da Estratexia de Seguridade, Defensa Aerospazo van priorizar, como novidade, a fabricación en Galicia

Madrid, 1 de xullo de 2026

A Xunta celebrou hoxe por primeira vez en Madrid, na sede da Oficina Económica de Galicia, un encontro no que diferentes startups participantes na sétima edición da aceleradora BFAero e noutras convocatorias anteriores -Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone- presentaron os seus proxectos ante 18 fondos de capital risco atraídos polo potencial do ecosistema aeroespacial galego.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Económico de Galicia (Igape) Covadonga Toca, foi a encargada de clausurar a xornada, segundo afirmou, dá a estas startups unha oportunidade de conectar con fondos de investimento, que é “crucial” porque “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.

“Esta é unha das principais preocupacións que temos como Goberno: detectamos e acompañamos moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con Xesgalicia, necesitamos do investimento privado. Polo tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficia Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”, dixo.

Lorenzana precisou que “do labor que faga un Goberno depende en grande medida que se poida ir consolidando un sistema emprendedor innovador”. E, así, ademais do acompañamento financeiro, mencionou que, no ámbito do aeroespazo, Galicia empezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España e que, xunto á BFAero, fixo que se consolide un ecosistema punteiro a nivel nacional e europeo que nos vindeiros anos “pode darnos grandes alegrías”, manifestou.

A conselleira salientou que a BFAero forma parte da Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo, que pretende mobilizar máis de 900 millóns de euros de cara ao 2030. Inclúe, dixo, instrumentos de apoio como a liña de axudas para certificacións; para tecnoloxías duais -aberta ata o vindeiro 4 de setembro cun orzamento de 6 millóns de euros-; e os acordos marco de compra pública de innovación, que se van presentar agora cunha novidade “importantísima” porque o que se vai priorizar é “que eses consorcios traian o seu proxecto de innovación á comunidade e deixen ese valor engadido da industria e da fabricación en Galicia”, avanzou a conselleira.

Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero leva apoiado 49 proxectos empresariais (galegos, doutros puntos de España e mesmo internacionais), dos cales 15 son empresas de nova creación que xeraron máis de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e que levan realizado investimentos por valor de 16 millóns de euros. Só os proxectos da 5ª e a 6ª edición teñen captado máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado, o que demostra a capacidade deste programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

  • Agradece a colaboración do Clúster TIC na elaboración deste plan, que destina 62 millóns de euros en axudas ata 2028 e recolle 77 medidas de impulso a esta industria
  • Precisa que o obxectivo é traballar para que a industria TIC mellore a empresa non tecnolóxica en Galicia e facilite a prestación dos servizos públicos

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou hoxe de esencial o papel que desenvolve a industria das TIC para o crecemento e a competitividade da empresa en Galicia e na modernización dos servizos que prestan as administracións públicas.

Lorenzana, acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, participou hoxe na presentación do Plan director da industria das TIC 2026-2028, que destina 62 millóns de euros en axudas ata 2028 e recolle 77 medidas de impulso ao sector.

A conselleira resaltou a tendencia ascendente que vén marcando en todos os seus indicadores nos últimos anos, cun crecemento do 21 por cento desde 2020. Actualmente hai 23.467 persoas afiliadas traballando nas máis de 3.100  empresas que se dedican a este sector en Galicia, que son 4.000 ocupados máis (un 20 por cento máis) que hai seis anos.

O obxectivo, dixo, é facer crecer, conseguir empresas de maiores dimensións para que a industria TIC mellore a empresa non tecnolóxica en Galicia. Tamén incentivar proxectos de colaboración de I+D+i en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial. E elaborar unha estratexia do dato no sector público autonómico para seguir optimizando a xestión dos recursos e mellorando a atención e os servizos ao cidadán.

“Non pretendemos facer estratexias a longos anos nin documentos especialmente complexos que caian nun caixón -dixo-, o que pretendemos é facer guías para a colaboración público-privada e o acompañamento que a Administración vai ter de cada sector, a dous tres anos”, abondou. Nesta liña, quixo agradecer a colaboración do Clúster TIC na elaboración deste plan director, algo que considerou clave para que estes documentos sexan verdadeiramente instrumentos efectivos, dixo.

Lorenzana concluíu asegurando que as redes TIC, que sosteñen a conectividade dixital, son actualmente unha infraestrutura crítica e que investir en tecnoloxías da información e da comunicación debe ser considerado como investir en soberanía industrial.

  • Rueda resalta que o Goberno galego destinará “case 62 millóns de euros ata o 2028” en axudas ao sector para “mellorar a competitividade e xerar emprego de calidade”
  • Salienta unha liña de achegas específica para promover proxectos de I+D+i “en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial”
  • Outra das novidades do Plan será a elaboración dunha estratexia do dato do sector público autonómico e medidas para crear empresas TIC de tamaño medio ou grande
  • O sector TIC galego representa arredor do 2,5 % do PIB galego, factura preto de 4.000 millóns de euros ao ano e experimentou un ritmo de crecemento do 21 % desde o ano 2020 con 4.000 novos profesionais
  • Galicia é a 6ª comunidade autónoma en emprendemento, con 229 startups e 15 xa consolidadas (scaleups) e unha alta participación en programas europeos no eido da innovación

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello “aprobou o Plan director da industria TIC 2026-2028, a folla de ruta coa que está previsto mobilizar case 62 millóns de euros en apoio ao sector”. “O obxectivo é mellorar a competitividade das empresas TIC, xerar emprego de calidade e facer fronte aos retos do sector”, indicou.

Deste xeito, o sector TIC de Galicia conta desde hoxe cunha nova ferramenta para facilitar o proceso de transformación cara a unha economía verde e consolidar Galicia como referente europeo en dixitalización e tecnoloxías innovadoras. A nova folla de ruta mobilizará 61,8 millóns de euros en apoios ao sector, que se concretan en 77 medidas que teñen como obxectivo impulsar a creación de novas solucións e produtos ao tempo que se xera emprego de calidade e de alto valor engadido.

O TIC galego ten un considerable impacto na actividade económica pola súa alta taxa de innovación: somos a 6ª comunidade autónoma en emprendemento, con 229 startups e 15 xa consolidadas (scaleups). Un sector que se caracteriza por unha alta participación en programas europeos de I+D+i e que representa arredor do 2,5 % do PIB e o 2,2 % do emprego de Galicia, acadando as 23.467 afiliacións. Cómpre subliñar o seu ritmo de crecemento: un 21 % desde o 2020 con 4.000 novos profesionais incorporados ás 3.108 empresas que conforman o tecido industrial. E uns 3.932  millóns de euros de facturación anual no ano 2024, segundo se reflicte no informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

Malia estes bos datos, o sector TIC de Galicia,  declarado estratéxico para efectos de elaborar o seu plan director, en febreiro de 2024, presenta unha importante fragmentación, unha ausencia de medianas e grandes empresas e unha excesiva especialización cara ás actividades de programación e consultoría (o 67 % dedícanse a este labor), polo que resultaba necesario impulsar a creación de novas solucións que acheguen valor engadido ao sector.

Porén, o novo plan director estrutúrase en dous obxectivos estratéxicos, 6 eixos de actuación e 8 ámbitos de prioridades que inclúen unha batería de 77 medidas dirixidas a consolidar Galicia como referente europeo na dixitalización e na adopción de tecnoloxías disruptivas, cun ecosistema TIC robusto e colaborativo que fomente o desenvolvemento económico, a creación de emprego e a transición cara a unha economía verde e dixital.

Entre as actuacións previstas para executar ata 2028 destacan, segundo indicou o presidente, “una nova liña de axudas para que pequenas empresas se incorporen o negocio das tecnoloxías cuánticas e a intelixencia artificial” así como a elaboración dunha estratexia do dato do sector público autonómico para unha mellor xestión e integración no marco legal vixente. Así mesmo, levaranse a cabo iniciativas para fomentar a creación de empresas con maior dimensión, capacidade tractora e cadeas de valor globais para reforzar o posicionamento internacional do sector e favorecer a escalaxe empresarial.

O plan establece un sistema de gobernanza para asegurar a súa correcta execución e seguimento, no que se garante a coordinación e a participación das entidades e axentes económicos e sociais que participaron na súa elaboración: empresas, clústeres e asociacións industriais, centros tecnolóxicos, universidades,  colexios profesionais, organizacións sindicais e empresariais, e  a Administración pública

Estratexia de promoción industrial

Ata o de agora, tal e como explicou o presidente, o Goberno galego ten declarados nove sectores como estratéxicos para a economía: a automoción, a construción naval, o forestal-madeira e a propia industria TIC, que xa contan con cadanseu plan director aprobado; o sector da industria alimentaria, o da función loxística, a industria da construción, a metalmecánica e o sector téxtil e da confección, que están en tramitación, completan a listaxe.

A elaboración dos plans directores dos sectores declarados estratéxicos forma parte da estratexia de promoción industrial da Consellería de Economía e Industria e complementa o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais co obxectivo de facilitar o proceso de transformación das industrias galegas e impulsar novas oportunidades de negocio que xeren riqueza e emprego de calidade.

  • En 2025, estas firmas contribuíron ao PIB autonómico con 40.800 M €, un 130 por cento máis que en 2015

A Coruña, 27 de xuño de 2026.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que, nos últimos dez anos, as empresas familiares en Galicia duplicaron o seu impacto económico en termos de emprego e contribución ao PIB autonómico.

Lorenzana visitou hoxe as instalacións do novo establecemento que o Grupo Malasa abriu no centro da Coruña, The house by Malasa, onde apuntou que actualmente operan en Galicia máis de 60.5000 empresas familiares, como é o caso.

Explicou que en 2025 estas empresas contribuíron ao PIB autonómico con 40.800 millóns de euros, un 130 por cento máis que en 2015, e xeran máis de 600.000 empregos, un 50 por cento máis que hai dez anos. “Son cifras que amosan o peso real da empresa familiar no conxunto da economía galega, e que fan de Galicia unha comunidade líder a nivel estatal”, dixo.

Grupo Malasa é unha empresa familiar fundada en 1992 e punteira na fabricación e montaxe de mobiliario e de elementos de decoración a medida en madeira, metal e cristal. Xera máis de 1.000 postos de traballo directos, dos cales 800 están en Galicia e, os restantes, na súa planta de México. Ten presenza en máis de 90 países, e Cerceda (A Coruña) é a súa base de operacións para todo mercado europeo e para outros países de África e Asia.

Nas súas tres décadas de vida, leva executado máis de 45.000 proxectos para as principais marcas comerciais (Inditex, Chanel, Tous, Dolce&Gabana, Adidas, etc.) ademais de grandes grupos hoteleiros como Meliá, Barceló ou Hilton. “É unha desas empresas familiares en Galicia que, a base de innovar e de saber dar unha resposta á medida de cada cliente, está chegando moi lonxe”, concluíu Lorenzana.

Arteixo (A Coruña), 23 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que visitou esta mañá o novo edificio dos equipos comerciais de Zara no complexo de Inditex en Arteixo, salientou o importante papel do sector téxtil na internacionalización da economía galega. Do mesmo xeito, subliñou o compromiso da Xunta con esta industria e coa creación de emprego e a atracción de investimentos cara á comunidade.

O responsable do executivo autonómico, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, foi recibido polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras. Durante a visita puido coñecer o novo edificio no que traballan os equipos de deseño, de patronaxe e outros perfís comerciais de Zara. Trátase dunhas instalacións de máis de 170.000 metros cadrados nas que a compañía aposta pola sustentabilidade e a eficiencia.

Rueda lembrou que Inditex é un referente a nivel internacional que leva a moda galega por todo o mundo. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia é a comunidade líder de España en vendas ao exterior deste sector. Así, no 2025 exportouse desde Galicia preto do 32% do total nacional de exportacións da industria téxtil.

  • A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe as instalacións dunha das empresas beneficiarias na pasada edición
  • O prazo de solicitude destas achegas está aberto ata o 10 de xullo

Ferrol, 23 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou esta mañá as instalacións do Grupo Tecnológico Artabria no marco da nova convocatoria das axudas para a transformación dixital das pemes. Durante a visita, a representante autonómica puido coñecer os traballos que se realizan na empresa, beneficiaria destas achegas o pasado ano.

Aneiros explicou que esta orde, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), contempla diferentes tipoloxías de proxectos, os cales son: interfaces e canles dixitais de relación comercial e operativa con terceiros; dixitalización e automatización de procesos; sistemas de xestión integral; ASG instrumentado por tecnoloxía; mellora da función loxística; e ciberseguridade para a operación dixital da empresa. Precisamente nesta última enmárcase o proxecto desenvolvido por Artabria, que, baixo o nome de Investindo por un futuro seguro, busca implementar solucións de ciberseguridade para a protección de datos e sistemas ante ciberameazas, así como interconectar dispositivos físicos e sistemas virtuais para optimizar procesos e mellorar a toma de decisións.

Tal e como apuntou a delegada, esta convocatoria, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, conta cun orzamento de 3 M€ e mantén aberto o prazo de solicitude ata o 10 de xullo. “Con estas axudas, o Goberno galego busca impulsar a dixitalización do noso tecido empresarial, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente dende as pemes, que representan unha gran parte da nosa economía”, asegurou Aneiros. Na pasada convocatoria, foron seis as empresas do ámbito da Delegación que se beneficiaron destas achegas, recibindo un total conxunto de preto de 74.800 euros.

Páxina 1 de 65